Esta é unha ferramenta de carácter educativo ligada á materia de Didáctica da Lingua e Literatura Infantil, da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense (Universidade de Vigo). Nela vanse ir recollendo as descricións das lecturas que realizaremos ao longo do cuadrimestre e incidirase sobre todo nas potencialidades das obras seleccionadas, o que pode ser de axuda para outros docentes e mediadores en xeral (bibliotecarios, pais e nais etc.)
luns, 6 de abril de 2020
Cocorico
Núñez, Marisa, (2006). Cocorico. Ilust. Helga Bansch. Editorial: OQO, col. OQO (2-3 anos), [36 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-156-1).
Descrición do formato e contido da obra:
Cocorico é un álbum ilustrado de forma rectangular e tamaño de 26x24.8 cm. Está composto por 36 páxinas e encadernación de tapa dura. Tanto a cuberta como a contracuberta son unha continuidade dunha imaxe de Cocorico e Gato Pelado e o que máis resalta son os tamaños dos personaxes. Na cuberta aparece o título en letras maiúsculas na parte superior, mentres que no centro aparece unha imaxe de Cocorico e a súa nai nun segundo plano.
Cocorico conta a historia dun polo que lle pide a súa nai que lle faga un biscoito. Para axudarlle decide saír a buscar leña e alí atópase con Gato Pelado que o quere comer dun bocado. Cocorico explícalle o que está a facer e para que non o coma promételle que lle dará a metade do biscoito se o deixa ir. Asustado, Cocorico marcha para a casa e cóntalle todo a súa nai. Esta dille que non se preocupe que farán un biscoito moi grande para así poderá compartir con Gato Pelado. Como o biscoito está tan bo Cocorico acaba por comelo todo. Arrepentido, escóndese dentro dunha ola cando se achega o gato ata que, non aguanta máis, e ao esbirrar escacha a ola, dándolle nun ollo ao gato, que foxe asustado. Arrepentido do ocorrido, Cocorico e a súa nai deciden facer outro biscoito, do que esta vez o poliño só come a metade e sabe que ten que deixar a outra metade para compartir coa súa nai.
As ilustracións permiten seguir a historia a través da lectura visual. O seu carácter moi narrativo reflicte as accións dos personaxes e establecen xogos de proporcións, nos que se pon de relevo os momentos climáticos a historia. Nas imaxes tamén se poden ver diferentes espazos, como a casa ou o exterior.
Potencialidades educativas:
A lectura desta obra permítenos abordar na aula múltiples temáticas como o concepto de familia, obediencia, respecto e capacidade de compartir. Reflexionar sobre estes valores permite incidir na importancia das ensinanzas, das relacións sas e satisfactorias e tamén descubrir a satisfacción de aprender a compartir.
Recursos educativos:
Cuentacuentos Beatriz Montero (Publicado 31/06/2014) El pollito Cocorico - Cuentos infantiles - Cuento popular birmano:
https://www.youtube.com/watch?v=od6wu1YW7GI
Taxi Roberto Burela (Publicado 20/11/2015) Cocorico en galego-canción e conto. En https://www.youtube.com/watch?v=VtyHS-t-laM
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario