venres, 10 de abril de 2020

Roi quere ser mamá

PILLADO, A. (2009). Roi quere ser mamá. Vigo: Edicións A Nosa Terra (ISBN: 978-84-8341-066-0).

Descrición do formato e contido: Roi quere ser mamá é un álbum ilustrado, impreso en papel con tapas duras, composto por 21 páxinas. Na cuberta aparece un rapaz, o protagonista da obra, cun bebé no colo sobre un fondo de cores lila e laranxa, rodeado de corazóns. Na contracuberta, co mesmo fondo, o protagonista co bebé aparece a maior distancia do lectorado. Nesta cuberta téntase transmitir tenrura e alegría, ademais de adiantar o asunto central da historia.

A portada presenta unha escena moi significativa, na que aparecen un neno e unha nena erguendo un cartel co símbolo =. Tamén é significativa a dobre páxina final na que se convida ao lectorado a interactuar sobre o contido do libro.                           

  



As imaxes interiores son de estilo figurativo e seguen o mesmo estilo que a cuberta e contracuberta, aínda que inclúen máis elementos tanto a nivel dos personaxes coma de elementos físicos. Ademais, cabe sinalar que a maioría das imaxes semellan adquirir movemento sobre uns fondos sinxelos e de cores atractivas. O estilo das escenas aparece determinado polos elementos físicos que contextualizan os personaxes e que se poden cualificar como realistas.


En canto ao texto, é sinxelo e argumentativo, con diálogos, unha estrutura lineal, breve e un vocabulario accesible para os máis pequenos, que destaca por estar escrito en letra violeta, cromatismo cunha forte compoñente simbólica, intimamente relacionada co contido do libro. O tema central da historia son os roles de xénero, abordados a través da historia de Roi, un rapaz ao que lle gusta coidar as súas bonecas e bonecos, así como á súa irmá pequena, que é un bebé. Consciente de que na súa familia é a súa nai e non o seu pai quen fai estas cousas, proponse ensinar a seu pai como facelo mediante un xogo simbólico.

Potencialidades: este é álbum de grande importancia social, debido ao seu contido textual e visual, xa que con este libro podemos traballar co noso alumnado cuestións como a igualdade de dereitos e deberes entre homes e mulleres; a toma de consciencia sobre as implicacións que ten na vida das familias o reparto de tarefas; a importancia da educación en igualdade etc. Tamén nos permite esta lectura reflexionar sobre que son os roles de xénero, se son bos ou malos, identificalos na propia contorna, como se poden cambiar…

Ningún comentario:

Publicar un comentario