xoves, 9 de abril de 2020

A avoa do ceo



Lavatelli, A (2015). A avoa do ceo, ilust. David Pintor, Santiago de Compostela: El Patito Eitorial. (ISBN:978-84-943213-6-8).

Descrición do formato:

A avoa do ceo é un álbum ilustrado coa superación da morte como principal temática. Está composto por 24 páxinas, escrito por Anna Lavatelli, traducido por Isabel Soto, ilustrado polo galego David Pintor e editado por El Patio Editorial. É un libro de tapa dura cunha cuberta onde aparece unha das protagonistas, a avoa, cun paxaro enriba da testa e cunhas árbores saíndo dos seus ombreiros, facendo así da avoa do ceo un elemento máis da natureza e da paisaxe. O título da obra está escrito en letra grande e de formas rechamantes para favorecer a atracción pola elección do libro. No medio da contracuberta sitúase, escrita en texto, unha pequena síntese do argumento e da traxectoria da autora e do ilustrador. Tamén hai debuxos das nubes onde vai estar situada a avoa durante o relato, do can de Catalina, a neta da protagonista e da bicicleta coa que viaxa a anciá. As gardas iniciais e finais son iguais e contan cunha ilustración dun pexegueiro e de Catalina tombada enriba dunha póla e mirando cara ao ceo. Con esta representación estase a facer un adianto do que vai ser a obra, xa que Catalina atopa a súa avoa despois de estar observando as nubes e imaxinando a diferentes animais coas formas que fan.
Se avanzamos unha páxina atopamos a páxina de dereitos cunha ilustración da avoa que ocupa boa parte da folla e a portada, novamente co título o nome da autora e do ilustrador, e cunha representación de Catalina mirando cara a arriba. Estes elementos que se ven antes de comezar a somerxerse no libro son relevantes, xa que chaman a atención do lector polas cores rechamantes, os debuxos, as letras... 
Ademais, as ilustracións de carácter “sensible e doce” fan que a morte, que é o tema principal, se poida tratar con naturalidade e sen tabús.




No interior, o libro componse dun texto acompañado de ilustracións, seguindo a mesma gamma que as imaxes de cores brillantes e trazos sinuosos que acompañan as accións que se van contando na historia. O texto é un diálogo entre a avoa e a neta, con algunha intervención en terceira persoa por parte do narrador. O que cabe destacar é a alternancia de diferentes caligrafías para diferenciar cando intervén Catalina (seméllase ás primeiras letras da escola) e a avoa (de carácter máis formal). É un texto sinxelo e de fácil comprensión para os cativos e cativas.

Descrición do contido:

A avoa do ceo é a historia dunha nena chamada Catalina que acaba de descubrir que a súa querida avoa non vai volver estar con ela no mundo porque marchou vivir ao ceo. Mentres está no xardín co seu can imaxina que as nubes poden ser o que ela queira. Nese intre aparece no medio do ceo a súa avoa e explícalle que xa non está enferma e que agora tócalle descansar e facer moitas das cousas que lle gustaban en vida. Catalina xoga coa súa avoa, pasea en bicicleta, come pexegos e caramelos e cóntalle moitas aventuras á anciá. Cando chega o momento de marchar para a casa a avoa dille que a vai ver cando ela queira e o necesite, xa que nunca a vai perder de vista.

Potencialidades educativas:

A morte e a perda dos seres queridos non é un tema sinxelo para abordar nunha aula de infantil. Moitas mestras e mestres non saben como traballalo aínda que, na miña opinión, a través da literatura e da lectura de obras coma estas pódese traballar coma calquera outro contido. Esta historia pode servir como fase introdutoria para falar da vida e da morte e o que iso implica. O alumnado pode reflexionar e imaxinar que as persoas que lle toca deixar este mundo sempre estarán cos seus seres queridos, directa ou indirectamente. A morte é un tema tabú que coma moitos outros se debe de traballar con total naturalidade xa que pode previr posibles problemas na vida dos nenos e nenas en relación co medo á súa chegada.

Traducións e premios:

A avoa do ceo é unha obra do 2008 orixinalmente escrita en lingua italiana e traducida, posteriormente, ao galego e ao castelán. Anna Lavatelli, a autora, foi galardoada co Premio Andersen en 2005 e David Pintor é un dos ilustradores máis recoñecidos no noso país. A colaboración de ambos deu como resultado este excelente traballo para abordar unha das temáticas tabú, a morte e a perda, pero tamén o poder da imaxinación e a importancia afectiva e emocional das relacións interxeracionais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario