xoves, 9 de abril de 2020

Elmer

McKee, David (1985). Elmer. Trad. Xosé Manuel González. Pontevedra: Kalandraka. [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-380-7).

Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de forma rectangular e de tapa dura cunhas medidas de 23x20 centímetros. Na cuberta aparece o título en maiúsculas, o nome do autor e, no medio, un debuxo do elefante Elmer a cadros de cores, que se confunde co fondo, todo el con esa mesma disposición. O texto é breve e salienta a proliferación de cores nas ilustracións, que resaltan o contraste entre as cores de Elmer e o gris cincento dos demais elefantes. O emprego dos cromatismos é moi relevante para comprender a historia e para potenciar a mensaxe que se quere transmitir.
En relación co contido, nárrase a historia de Elmer, un elefante diferente aos demais. Elmer, en lugar de ser gris como todos os elefantes, era de cores. Por iso, o resto dos elefantes ríanse cando Elmer estaba con eles. Canso desta situación, Elmer decide marchar e cambiar a súa cor tinguíndose cos froitos grises dunha árbore, o que o converte nun elefante igual có resto. Cando volve, dáse conta de que os demais elefantes están serios e aburridos, polo que decide gastarlles unha broma. Todo volve á normalidade cando chega a choiva e se lle borra a cor gris, mostrándose as súas cores orixinais. O resto dos elefantes alégranse moito e partir dese día deciden conmemorar unha festa na que Elmer se pintará de gris e os demais elefantes de cores.

Potencialidades educativas: a través deste conto trabállanse valores como a inclusión, a diversidade, a integración, a autoestima, o autoconcepto ou a amizade. Todos eles son moi importantes para os nenos e para as nenas xa que deben comprender que non somos todos iguais e que temos que aprender a querernos a nós mesmos e respectar aos demais, independentemente desas diferenzas. Tamén é unha obra moi interesante para o desenvolvemento da creatividade, especialmente pola relación que mantén coa pintura de creadores como Paul Klee.

Recursos educativos:
Conto adaptado con pictogramas: https://www.youtube.com/watch?v=YvxIr6-apTk (consultado o 8/3/20).
(consultado o 8/3/20).

1 comentario:

  1. Este conto gústame moito, xa que traballa moitos aspectos distintos, a diversidade, autoestima, autoaceptación, medo ao rechazo, o valor de ser único, entre outros. Ademáis, a raiz deste libro, creáronse outros completementarios referente a estes temas. Gustaríame engadir unha proposta de Evangelina Gallego Sardón para traballar por proxectos a partir deste personaxe e a pintura de Paul Klee: http://aprendizajeenproyectos.blogspot.com/2013/12/elmer-y-paul-klee.html

    ResponderEliminar