sábado, 11 de abril de 2020

Artur e Clementina


Turín, Adela (2012). Artur e Clementina. Ilust. Nella Bosnia, trad. E. Almazán. Pontevedra: Kalandraka, col. A favor de las niñas, [40 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-785-0).

Breve descrición do formato e do contido: Álbum ilustrado que ten por autora a Adela Turín, por ilustradora a Nella Bosnia e por tradutora a Eva Almazán. É de tapa dura e está composto por 40 páxinas. O seu formato é rectangular. A cuberta e a contracuberta son de cartoné e semellan conformar a mesma paisaxe. Na cuberta podemos atopar o título da obra, os nomes da autora e ilustradora, a editorial e no centro as dúas tartarugas. Na contracuberta un texto e o ISBN co respectivo código de barras. O lombo reflicte novamente o título da obra e os nomes da autora e ilustradora. As gardas son de cor verde e teñen debuxado unha ra entre bambús. Na portada observamos unhas flores que acompañan os nomes da autora e ilustradora, o título da obra e a editorial. As ilustracións son a toda páxina, de estilo pictórico figurativo e de cores vivas. Os/as personaxes adoptan unha posición central e a relación entre ambos/as podémola adiviñar observando as ilustracións. O texto vese integrado nas ilustracións e podémolo atopar situado en distintas partes das dobres páxinas. As palabras caracterízanse por estar escritas no mesmo tipo de letra e por ser do mesmo tamaño. O exemplar é en galego, pero orixinalmente é un álbum ilustrado italiano. Ademais do galego, está traducido a outros idiomas: castelán, catalán, éuscaro e portugués. As destinatarias/os son cativas/os entre 4 e 5 anos. O álbum foi impreso en 1976 e dende a data son multitude as edicións e impresións publicadas. Conta cun narrador en terceira persoa, o cal cede espazo ás personaxes nos diálogos.
Dende o punto de vista do contido, nárrase a historia de amor entre Artur e Clementina, dúas tartarugas. A súa convivencia comezou de xeito feliz pero, a medida que pasa o tempo, Clementina sente como é infravalorada e menosprezada por Artur, que sempre topa escusas para impedir os soños e aspiracións de Clementina, á que tenta afagar e manter illada mercándolle moitas cousas materiais. Un día, farta da carga que supón a súa relación, decide desaparecer.

Potencialidades: A sinxeleza do álbum permite traballar con nenos e nenas a partir dos 4 anos temáticas como as relacións humanas, a coeducación e a liberdade. A súa lectura é unha clara reivindicación do papel das mulleres na sociedade e un antídoto aos riscos que entraña o amor romántico. A partir da lectura potenciaremos o pensamento crítico das nenas e nenos, para que non normalicen situacións discriminatorias e sexistas que perviven na sociedade actual. É por iso que esta obra é un excelente recurso para educar os máis pequenos/as dende valores feministas, onde muller e home xoguen papeis activos na sociedade.

Recursos educativos:
Dramatización do conto realizado polas nais do alumnado  do CEIP Rodrigo Caro: https://www.youtube.com/watch?v=165BTsiYRJ0 Data de consulta 13 de marzo de 2020.
Videoconto subido por “Haz tuyo el cuento”  https://www.youtube.com/watch?v=rr5AlG-5fB8 Data de consulta 13 de marzo de 2020.

1 comentario:

  1. Este álbum ilustrado paréceme unha ferramenta moi favorecedora para traballar a coeducación nas aulas de Educación infantil e así promover igualdade entre nenos e nenas.

    ResponderEliminar