sábado, 11 de abril de 2020

Unha parella diferente


Kulot, Daniela (2007). Unha parella diferente. Trad. M. Taeger e P. Martínez. Vigo: Faktoría K de Libros [26 pp.]. (ISBN: 978-84-96957-14-5).

Breve descrición do formato e do contido: Álbum ilustrado de Daniela Kulot, de tapa dura e composto por 26 páxinas. O seu formato é rectangular. A cuberta e a contracuberta son de cartoné. Na cuberta podemos atopar o nome da autora, un retrato no que aparecen os dous protagonistas e outras xirafas e crocodilos, así como o nome da editorial e o título da obra. Na contracuberta podemos ver un resumo do álbum, un verme e un caracol sentados nun zapato, o ISBN co respectivo código de barras e a editorial. No lombo aparece o nome da autora, o título da obra e o logo da editorial. As gardas proxectan unha paisaxe rural. Na portada observamos o nome da autora, a parella protagonista, o nome da editorial e o título da obra. Algunhas ilustracións son a toda páxina e as outras simulan estar enmarcadas. Caracterízanse por ser figurativas e de intensas cores. Nelas intégrase o texto, que pode aparecer situado en diferentes partes das páxinas aínda que predomina a localización deste no fondo da páxina. Todas as palabras están escritas no mesmo tipo de letra e tamaño, excepto a última palabra da historia que está escrita en maiúscula. O álbum está escrito en galego, pero tamén o podemos atopar traducido a castelán, catalán e portugués. O idioma orixinal é o alemán. As destinatarias/os son nenas/os de 4 anos e maiores. O volume manexado pertence á primeira edición da obra, que conta cun narrador en terceira persoa, o cal cede espazo ás personaxes nos diálogos.
Desde o punto de vista do contido, este álbum ilustrado narra a historia dunha parella de namorados dos que todos e todas se burlaban por non ser fisicamente semellantes, concretamente un crocodilo e unha xirafa. Tanto no lugar de orixe da xirafa coma no do crocodilo son rexeitados, ata o día no que se produce un incendio no que a axuda de ambos os dous logra salvar a vida dunha familia, feito que mudará a actitude da sociedade cara á parella. Esta historia simboliza a violencia e rexeitamento padecido por moitas parellas, debido a prexuízos e estereotipos.

Potencialidades: A través da lectura visual e textual deste álbum ilustrado podemos potenciar o pensamento crítico das nenas e nenos e traballar a súa autoestima. Abordar a diferenza e a necesidade de convivencia harmónica é un dos obxectivos da coeducación, que se contrapón a actitudes pouco sensibles e lastradas por unha visión nada empática e respectuosa  cara ao outro. Coñecer e compartir as vivencias da xirafa e o crocodilo permite reflexionar cos nenos/as sobre os prexuízos e a presión social cara a condutas consideradas pouco modélicas dende o punto de vista afectivo. Este libro é una opción para traballar todo este tipo de cuestións cos nenos/as dende que son pequenos/as, para que medren libres e vendo na diversidade a normalidade.

1 comentario:

  1. Me parece una obra muy interesante para trabajar la coeducación desde edades tempranas, no solo por las diferencias que existen entre el cocodrilo y la jirafa, las cuales representan muy bien las grandes diferencias que pueden llegar a existir entre las personas, sino por la manera de trabajar esta temática a través del humor y la aventura.
    Sinceramente creo que es una muy buena obra para trabajar la coeducación en el aula.

    ResponderEliminar