Díaz, Raquel (2017). Cuando las niñas vuelan alto. Barcelona: Beascoa, col. Lumen, [48 pp.]. (ISBN: 978-84-488-4902-3).
Breve descrición do formato e do contido: Álbum ilustrado de Raquel Díaz Reguera, de tapa dura e composto por 48 páxinas. O seu formato é rectangular. A cuberta e a contracuberta son de cartoné. Na cuberta podemos atopar o título da obra, o nome da autora, as tres nenas protagonistas (unha tocando o violín, outra xogando cun avión e a terceira cun libro na man e cun paxaro na cabeza), o número de edicións e a colección. Na contracuberta podemos ver unha ilustración onde aparecen as tres nenas subidas nun avión (unha delas tocando o violín e outra cun libro na man), un breve resumo, a colección, o prezo de venda ao público e o ISBN co respectivo código de barras. No lombo aparece o título da obra, unha bolboreta de cor vermella e o nome da autora. As gardas aparecen ateigadas de ás de bolboreta de intensas cores, as cales aluden simbolicamente ao contido da obra. Na portada as bolboretas continúan acompañando o título do álbum, o nome da autora e a colección. As ilustracións son a toda páxina e caracterízanse por ser figurativas e de intensas cores. Nelas intégrase o texto, que podemos atopar situado en diversas partes das páxinas e incluso hai páxinas sen texto. Hai unhas palabras que pretenden destacar sobre as outras, posto que aparecen en maior tamaño, en negriña ou en maiúscula.
A obra está escrita en lingua castelá. As destinatarias/os son nenas/os de 5 anos (e maiores). O volume manexado pertence á sétima edición da obra, que conta cun narrador en 3ª persoa, o cal cede espazo ás personaxes nos diálogos.
Desde o punto de vista do contido, este álbum ilustrado narra a historia de tres nenas que teñen soños por cumprir, pero unha banda de malvados tenta de impedilo con moi diversas estratexias. Cando xa se deran por vencidas, aparece alguén que lles devolve a ilusión.
Cabe destacar que ademais das bolboretas, os antagonistas tamén son seres voadores, pero connotados negativamente na sociedade. Tamén se recorre a outros elementos simbólicos, como as pedras, que representan as cargas afectivas e sociais que lastran ás mulleres ó longo da súa vida.
Potencialidades: Esta historia baséase na realidade das mulleres, en como prexuízos, estereotipos e roles patriarcais oprimen as mulleres (dende que nacen) e presiónannas para que se metan dentro duns moldes, os cales non as deixarán ser elas mesmas. A través deste álbum ilustrado podemos potenciar o pensamento crítico das nenas e nenos, para que non normalicen situacións discriminatorias e sexistas e para que non se sintan abocadas a abandonar as súas metas. Á súa vez, podemos traballar a autoestima, os soños de cada un/unha e potenciar a análise sobre o que sucede na contorna onde se desenvolven. Ademais, podemos ver que todas as personaxes son moi diferentes, polo que resultaría prexudicial buscar a homoxeneización. O álbum fálanos de diferenzas e liberdades. Outro punto que podemos aproveitar como potencialidade é a idade das nenas. Todas elas teñen 7 e 8 anos e, ao ser máis maiores có alumnado de 6º de Educación Infantil, poden ser modelos a seguir para eles/as.
Recursos educativos: Vídeo da obra de teatro realizada por “A.M.P.A. Las Cortes, del C.E.I.P. La Constitución” https://www.youtube.com/watch?v=NmoDqxvWkbI Data de consulta 2 de marzo de 2020.
Ningún comentario:
Publicar un comentario