Isern, Susanna (2017). Daniela Pirata, ilust. Gómez, China: Asia Pacific Offset, col. Egalité, [38 pp.]. (ISBN: 978-84-17123-11-6).
Breve descrición do formato e do contido: Álbum ilustrado con texto de Susanna Isern e ilustracións de Gómez, de tapa dura e composto por 38 páxinas. O seu formato é rectangular. A cuberta e a contracuberta son de cartoné. Na cuberta aparece o título da obra, os nomes da autora e da ilustradora, a Daniela, os piratas do Caimán Negro, o mono que acompaña a Daniela durante toda a historia, un banco de peixes diferentes entre eles e unha illa con palmeiras. Na contracuberta podemos ver no centro a Daniela e ao mono, por riba un breve resumo, na parte inferior esquerda a edición e na parte inferior dereita un cadro co ISBN, co respectivo código de barras e coa páxina web da edición. No lombo aparece o título da obra, un peixe branco e negro, os nomes da autora, ilustradora e da edición. As gardas reflicten bandeiras de barcos pirata de cor verde, as cales aluden ao contido da obra. Na portada podemos atopar o título da obra, a Daniela e ao mono, os nomes da autora e ilustradora e a edición do álbum.
A meirande parte das ilustracións son a toda páxina e caracterízanse por ser figurativas e de intensas cores. Nelas intégrase o texto. Nelas é importante observar a figura do mono que acompaña a Daniela durante toda a historia. Ademais, todos as personaxes semellan ser de distinta etnia.
O texto aparece situado en diversas partes das páxinas (arriba nunha esquina, no centro da páxina, a través…). Tamén observamos como unhas palabras destacan sobre as outras, posto que aparecen en negriña, maiúscula e noutro tipo de letra. Está escrito en castelán, pero tamén está publicado en inglés. A obra está dirixida a nenas e nenos de 4 anos e maiores. Tal como se indica no volume, conta con catro edicións publicadas ata o ano 2018. Conta cun narrador en 3ª persoa, o cal cede espazo ás personaxes nos diálogos.
A través dun narrador en terceira persoa nárrase a historia dunha nena que, polo simple feito de ser nena, se atopa con multitude de barreiras para ser pirata do barco máis temible de todos os tempos. Os atrancos son superados grazas ao esforzo que fai Daniela para superar cada unha das probas, sen pensar en ningunha ocasión na posibilidade de renderse e mostrando en todo momento a súa valía. Ditos atrancos son, principalmente, as burlas dos piratas cara a Daniela.
Potencialidades: A lectura desta historia permite reflexionar sobre situacións que poden vivir moi habitualmente nenas e nenos. Deste modo, a obra préstase para identificar estereotipos e roles de xénero que “obrigan” ás nenas a comportarse dun xeito e aos nenos doutro. Empregar lecturas coma esta permiten potenciar o pensamento crítico das nenas e nenos, impulsando a idea de que cada persoa pode xogar, vestir ou pintar como e co que queira.
Recursos educativos: Vídeo obra de teatro realizado por familias do colexio Montserrat https://www.youtube.com/watch?v=pJ_rtKUowEA (consultado o 6 de marzo de 2020).
Ningún comentario:
Publicar un comentario