Martins, Isabel (2009). P de papá. Ilust. Bernardo Carvalho, trad. X. Ballesteros. Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Demademora, [26 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-690-7).
Breve descrición do formato e do contido: Álbum ilustrado de Isabel Martins, de tapa dura e composto por 26 páxinas. O seu formato é cadrado. A cuberta e a contracuberta son de cartoné. Na cuberta podemos atopar o título da obra, os nomes da autora e do ilustrador, os dous personaxes do álbum e a editorial. Na contracuberta podemos ver os dous personaxes do álbum, a colección e o ISBN co respectivo código de barras. No lombo aparece o título da obra, os nomes da autora e ilustrador e a inicial da colección. Nas gardas aparecen varios debuxos dun pai en distintas situacións, os cales aluden simbolicamente ao contido da obra. Na portada observamos un pai e un fillo, o título do álbum, os nomes da autora e ilustrador e a edición. As ilustracións son a toda páxina e caracterízanse por ser figurativas e de diversas cores. Nelas intégrase o texto.
O texto podémolo atopar situado en distintas partes das páxinas e todas elas conteñen texto. Todas as palabras son do mesmo tamaño, están escritas no mesmo tipo de letra e en minúscula. Está escrito en galego, o idioma orixinal é o portugués e tamén está traducido a castelán. As destinatarias/os son nenas/os de 3 anos e maiores. O volume manexado conta cun narrador en 3ª persoa.
Desde o punto de vista do contido, este álbum ilustrado narra a historia dun pai que acompaña ao seu fillo en distintas situacións: cando ten frío, cando xoga, cando está na ducha…
Habitualmente é a nai quen acompaña á crianza nos momentos expostos no álbum, pero neste caso é o pai. Prodúcese un xiro nos roles familiares.
Potencialidades: O álbum conta como un pai acompaña a seu fillo día tras día, papel que habitualmente desenvolve a nai. A través deste álbum ilustrado podemos potenciar o pensamento crítico das nenas e nenos, para que non normalicen roles familiares desde idades temperás. É unha oportunidade de descubrir o afecto que reciben na casa os cativos/as e de traballar a autoestima destes/as.
Recursos educativos: Vídeo do conto rimado, recitado polo “alumnado de 1º e 2º de primaria do C.E.I.P. Armenteira” https://www.youtube.com/watch?v=9NiJUN6tJSE Data de consulta 23 de marzo de 2020.
Ningún comentario:
Publicar un comentario