xoves, 2 de abril de 2020

¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa?



DÍAZ, R. (2010). ¿ Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa? Barcelona: Thule Edicions (ISBN: 978-84-9259-558-7).

Descrición do formato e do contido: este conto infantil é un álbum ilustrado de Raquel Díaz Reguera (Sevilla, 1974), composto por 40 páxinas, impreso en papel, tanto en tapa dura coma en tapa branda e recomendado para nenos e nenas de entre 6 e 8 anos. Na cuberta aparece unha nena vestida de rosa, cun fondo a mesma cor, aínda que máis claro que o vestido da nena. A expresión da nena da cuberta transmite tristura e aburrimento, sentada nun sillón de “princesa”. Ademais das imaxes, aparece o título da obra, o nome da autora e un destacado circular no que se anuncia que é a cuarta edición. Na contracuberta aparece unha gaiola cunha lúa e unha bolboreta voando, ademais dunha mensaxe na cal se explica que non lle gusta a cor rosa, que non quere bicar os sapos para ver se eran príncipes azuis e pregúntase porqué non hai princesas que cazaban dragóns ou voaban en globo. Na garda inicial vese unha nena cun fío na man que a une a unha bolboreta e a un sapo na chan. Nesta parte da obra aparece unha dedicatoria á súa nai e a todas as mulleres que conseguiron o que quixeron cando desmontaron os roles de xénero. Na garda final volve aparecer a nena, pero agora vestida cun pantalón amarelo e unha camiseta a raias mentres xoga ao carón duns zapatos rosas. Á parte desta imaxe aparece información sobre este álbum ilustrado, como a primeira edición, o director da colección...
Na miña opinión, as cubertas e o título do libro son reveladores do contido da obra, ao amosar unha nena á que non lle gusta o rosa e que non se sente unha princesa como o resto dos personaxes lle queren facer ver que é, aspectos que se reafirman na contracuberta cun breve resumo do que pensa a protagonista.


                                                                                                     


As imaxes interiores seguen o mesmo estilo que a cuberta e contracuberta. En xeral son imaxes animadas sobre fondos sinxelos e de cores escuras ao principio, cando lle din que ten que vestir de rosa, mentres que se van volvendo máis alegres cando lle din que pode vestir das cores que queira, igual que os príncipes.



        

O texto é moi sinxelo, de carácter argumentativo, e con diálogos. Segue unha estrutura lineal, breve e cun vocabulario doado e comprensible para nenas e nenos. O tema central é o cuestionamento dos roles de xénero, en especial a través da connotación das cores que caracterizan ás nenas e as que caracterizan aos nenos. Isto reflíctese no que lle ocorre á protagonista, que ten toda a roupa e a habitación de cor rosa, malia que a ela non lle gusta. É por iso que lle vai preguntando a diferentes personaxes porqué ten que vestir de rosa e non doutras cores, ao cal todos lle responden que é así porque é unha flor. Todo muda cando o último personaxe, o X, lle di que pode vestir da cor que queira.

Potencialidades do conto: a lectura desta obra permite abordar cuestións relacionadas cos roles de xénero, en especial o condicionamento que sufrimos dende que nacemos polo feito de ser homes ou mulleres. A lectura de obras coma esta permite reflexionar sobre estes condicionamentos e tomar consciencia da necesidade de erradicalos. Para iso, é necesario analizar a realidade e valorar a diferenza, a diversidade e a liberdade individual e colectiva. Achegar modelos como a protagonista a nenas e nenos dende idades temperás é apostar por un futuro en equidade, ao traballar moitos aspectos sobre a igualdade e a deconstrución dos roles de xénero.

Traducións/premios: esta obra chegou ás librerías en novembro de 2010; foi traducida a catro idiomas e xa ten máis de dez edicións en castelán e catro en catalán. Como adaptacións salientamos a versión teatral, de moito máis alento, tanto polo número de páxinas coma polo de personaxes, polo tanto pódese considerar como unha obra nova baseada neste conto. Tráiler da adaptación ao teatro: https://www.youtube.com/watch?v=HXLXZhVn3R8&feature=emb_logo

Ningún comentario:

Publicar un comentario