martes, 7 de abril de 2020

O monstro das cores






Llenas, Anna (2012). O monstro das cores. Ilust. da autora. Barcelona: Flamboyant, [21 pp.]. (ISBN: 978-84-941578-2-0)

Descrición do formato: Álbum ilustrado en edición pop-up, de cartoné e cunhas dimensión de 27 x 23,5 cm. Na cuberta podemos ver o monstro, que é o protagonista do conto, en diferentes estados emocionais, concretamente aparecen as catro emocións que ten o monstro en troquelado e podémolas distinguir nas catro esquinas da cuberta, con diferentes cores, mentres que no centro, a modo de portafotos, se pode apreciar un oco no que aparece o título da obra, o nome da autora e a editorial, colocados na portada, pero que se pode ver por ser un furado. Na contracuberta aparece o título do conto e unha imaxe do protagonista principal, ademais do nome da autora, a información de que esta é unha edición pop-up e un breve texto. No lombo aparece de novo o título e o nome da autora.
As ilustracións deste conto para crianzas a partir de 3 anos son grandes, harmoniosas e coloridas, as cales teñen movemento pola emerxencia do pop-up en cada unha das páxinas, imprimíndolle un valor engadido para as crianzas pola interacción co libro. Son imaxes moi visuais que permiten a comprensión e seguimento da historia. As caras do monstro en cada páxina e as cores reflicten claramente, sen precisar apoio de texto, o que lle está acontecer en cada momento. De feito, o texto achega explicacións das ilustracións e presenta unha tipografía uniforme. A historia está narrada por unha rapaza que conta o que lle acontece ao Monstro, ao que axuda a buscar solucións ao seu conflito.


Descrición do contido: Este libro conta como o monstro ten unha mestura de emocións e se fai un lío con elas, porque non sabe distinguilas. A súa amiga axúdalle a emendalo e explícalle como se sente cando un está contento, cando un está triste, cando está en calma, cando está enfadado, cando ten medo. Finalmente poñen orde a ese rebumbio de sentimentos e deciden gardar cada emoción nun frasco. Porén, na última páxina do conto aparece unha emoción nova e os dous teñen a dúbida de cal será.


Potencialidades: É un conto que dende que o coñecín gustoume moito para aproveitar a levalo ás aulas de educación infantil. Ten grandes ilustración e ao ser un conto en pop-up as crianzas quedan sorprendidas. É unha forma diferente á tradicional para que os cativos vexan contos. O pop-up dá moito xogo para a manipulación e para a observación. Tamén salienta como elemento motivador o feito de que o personaxe principal sexa un monstro, moi próximo ao universo imaxinativo infantil, incapaz de poñerlle nome ás emocións, e co que os máis pequenos se sentirán identificados. Tamén é interesante o feito de que este personaxe, que normalmente vai asociado aos medos, asuma agora un papel diferente, máis próximo ás aprendizaxes e ás dúbidas sobre as emocións que sentimos e que é preciso identificar e dominar. A lectura da obra tamén permitirá abordar cada emoción ao comparala con referentes reais e próximos á infancia, como por exemplo alegría co sol, o xogo, o baile. É de interese o emprego dos cromatismos, da cor nas imaxes e dos estados anímicos reflectidos nas expresións faciais, para que así as crianzas poidan identificalas dende ben pequenos. Outro aspecto positivo é que en ningún momento o conto recolle que hai emocións boas ou malas, simplemente que existen e o importante é saber identificalas. Con este conto as crianzas poden empezar a recoñecer as emocións e sentimentos, non sempre fáciles de identificar e sobre todo controlar en idades tan temperás, por iso traballar con esta obra favorece un mellor autocoñecemento e autodominio.

Recursos de interese:

1 comentario:

  1. Este conto, titulado o Monstro de cores (e redactado por Anna Llenas), é un relato que transmite un idea clara e concisa: "A asociación das emocións coas cores que presenta o monstro ao longo do conto". Esta versión pop-up non a coñecía, e pareceme unha maneira orixinal, e diferente, para que os nenos e nenas manipulen e observen. Recomendo a colección "Hoy Estoy (enfadado, triste, alegre y celoso)" de Clara Penalvert e Nune Martínez da editorial Penguin Random House Grupo Editorial España. Ademáis, como recurso educativo tamén recomendo o seguinte vídeo, denominado o monstro de cores, e o cal foi confeccionado por Carme Raurich.

    ResponderEliminar