xoves, 9 de abril de 2020

Guille y su familia


Martí, Isabel (1988). Guille y su familia, ilust. Horacio Elena, Barcelona: Editorial Timun Mas.[12 pp.]. (ISBN:84-7722-267-3).

Descrición da obra: a obra é un libro mudo da autora Isabel Martí (Barcelona, 1959). Este libro é de forma cadrada duns 21x 21 cm cun formato de cartoné. Na cuberta do libro podemos apreciar a Guille sentado no sofá con seus pais e coa súa irmá pequena. Enriba da ilustración atopámonos co título do libro, o nome da súa autora e máis do seu ilustrador. Debaixo da ilustración aparécenos a editorial á cal pertence a obra. A imaxe da cuberta está rodeada por unhas raias de cores rosas, violetas e azuis. Non obstante na garda principal do conto na cabeceira aparece un aviso dirixido a nais, pais e educadores e educadoras. Nel explica que o libro contén uns adhesivos que poden ser utilizados tantas veces como se queiran e estes poderán ser lavados con auga e volver a pegarse facilmente no conto. Debaixo desta instrución preséntasenos unha ilustración de Guille con súa irmá lavando e pegando os adhesivos no conto. Ao carón da garda, sitúanse os adhesivos para utilizar no libro. Por outra banda, na contracuberta podemos ver na marxe dereita a Guille sentado no chan cun balón. Ademais de ver diversos títulos das diferentes obras que Horacio e Isabel compuxeron co mesmo personaxe, Guille, en diferentes ámbitos e lugares. Enriba dos títulos publicados aparécenos un apartado titulado “Guía didáctica”. Neste apartado explícanos como debemos de traballar coa obra para poder desenvolver cos nenos e coas nenas o descubrimento da linguaxe como medio de comunicación e de expresión.

Contido da obra: esta obra amósanos unha serie de imaxes sen letra. Estas imaxes son relacionadas con Guille mais a súa familia realizando diversas accións da vida cotiá, como por exemplo: erguéndose, comendo, lavándose ou xogando. Este libro ofrécenos un amplo abano de posibilidades para poder traballar con el. Dende a descrición de cada ilustración ata a explicación dunha historia coherente que ten un lugar e un espazo determinados. Este libro tamén nos proporciona unha serie de adhesivos de diferentes tamaños, os cales lle permiten aos nenos  e nenas intervir na elaboración de historias e situacións. Mentres, estes descobren que os obxectos teñen un lugar no mundo, o neno ou nena pode manipular os adhesivos e xogar con eles, colocalos nun espazo único ou situalos en diversas láminas.

Potencialidades: con este libro podemos traballar a composición das familias. Coñecer a de Guille permítenos reflexionar sobre o que é unha familia de tipo tradicional composta pola súa nai, seu pai e súa irmá pequena. Entre o alumnado poden existir diferentes tipos de familias, nuns casos como a do protagonista, noutros moi diferentes: familia monoparental, tradicional, estendida… A posta en común das persoas participantes na lectura permite abordar a composición de cada un destes tipos de familias, traballar as relacións de parentesco, organización social segundo as culturas, relevancia das diferentes xeracións de cada familia, as familias biolóxicas ou as de adopción.... Podemos tamén traballar con este libro os hábitos da vida cotiá como son: comer, ducharse etc. Por outra banda, os adhesivos que acompañan a obra permiten mellorar a psicomotricidade fina e utilizalas como elemento relacional coas ilustracións, o que redundará nunha mellor comprensión a obra.

Recursos educativos:
Ediciones Urano. (2014, 3 julio). Booktrailer "¡Mi familia es de otro mundo! Una nueva mirada sobre modelos familiares" (Uranito). Descargado de https://www.youtube.com/watch?v=U4Au6iEJgl4
Debora, B. (2017, 15 de noviembre). Cuento tipos de familia. Descargado de https://www.youtube.com/watch?v=FY6-CL5oesY
Cuentos Fabulosos. Los Habitos de Higiene. Descargado de https://www.youtube.com/watch?v=TnHZwILk04Y&t=28s
Smile and Learn. (2019, 17 de enero). Ana en el colegio- Las rutinas en la escuela- Cuentos para niños. Descargado de https://www.youtube.com/watch?v=b34hwIWenyw

BabyFirst (2015, 23 de septiembre). Canciones para Niños I Vestirse- Rutina  I Canción Original de BabyFirst. Descargo de https://www.youtube.com/watch?v=r7U5jkJPi04

Ningún comentario:

Publicar un comentario